Oleiros, 9 de novembro de 2010.- O Concello de Oleiros condena a actitude do goberno marroquí e reitera o seu total apoio ao pobo saharauí tras a brutal agresión sufrida pola poboación saharauí no campamento protesta situado nas inmediacións do Aiún, nos territorios ocupados do Sahara Occidental, a pesar do silencio informativo ao que Marrocos pretende someter a situación.
A brutal violencia infrinxida onte polo exército marroquí deixa novamente en evidencia o xenocidio ao que está sendo sometido o pobo saharauí por parte do reino Alauí desde hai máis de 30 anos, ante a pasividade de toda a comunidade internacional.
O Concello de Oleiros esixe o cumprimento por parte de Marrocos do Plan Arreglo e a consecuente celebración do referendo de autodeterminación acordado por ambas as partes neste documento subscrito en 1990 con mediación de Nacións Unidas e da Organización para a Unidade Africana.
Así mesmo, solicita unha maior implicación dos organismos internacionais, especialmente de Nacións Unidas e a Unión Europea. Así como unha maior implicación do Goberno de España, pola nosa responsabilidade como Estado no proceso de descolonización do Sahara Occidental. Neste sentido, o Concello de Oleiros apoiará todas as iniciativas civís que leven a cabo no noso país en axuda ao pobo saharauí.
A pasividade dos organismos internacionais e a falta dunha resolución definitiva por parte do Consello de Seguridade de Nacións Unidas levaron ao pobo Saharauí a unha situación extrema. A poboación desprazada nos campamentos de refuxiados de Tindouf sofre desde hai anos escaseza de aprovisionamento básico debido aos recortes na axuda humanitaria, mentres que a poboación que reside nos territorios ocupados vive baixo o xugo constante dun réxime militar que viola sistematicamente os Dereitos Humanos con continuos asasinatos, secuestros e torturas indiscriminadas.
O Concello de Oleiros espera que as conversacións entre ambas as partes que se inician hoxe en Nova York se resolvan co compromiso ineludible do cumprimento do Plan Arreglo e do cesamento inmediato da violencia militar. Así mesmo, solicita a neutralidade dos gobernos de Estados Unidos e Francia neste proceso.