Precisamente con esa altura de miras, pensando no futuro da mobilidade e das restricións que haberá ao tráfico, resulta imprescindible a construción dun grande aparcamento. Así mesmo, deben reservarse os espazos necesarios para posibilitar a futura creación dun servizo de transporte marítimo entre A Coruña e Oleiros; e tamén para trasladar a parada de autobús de Entrexardíns e crear un carril bus desde Oza.
O Concello de Oleiros tamén reclama que non se constrúan vivendas nos terreos ganados ao mar, para impedir a privatización do espazo público. A cidade e a comarca non necesitan vivendas nos terreos do porto, o que fan falta son equipamentos públicos, recintos culturais e deportivos, zonas verdes, paseos... abrir este outro costado da cidade ao mar.
Para resolver o problema de financiamento existente, o Goberno central está obrigado a condonar a débeda que ten o porto da Coruña, de 262 millóns. Non se entendería que non se actuase igual que co porto de Valencia, ao que se lle condonou unha débeda de 350 millóns.