Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello leva á Fiscalía o madeireiro que está a cortar nos montes de Oleiros sen licenza municipal

O Concello de Oleiros dará traslado á Fiscalía das actuacións dun individuo que mediante unha maraña de empresas está cortando montes en zonas protexidas, sen licenza e esnaquizando camiños; co argumento que ten autorización da Xunta de Galicia, cando en Oleiros existe un Plan xeral e unha ordenanza que obriga, entre outras cousas, a dispoñer de licenza municipal.
 

Hai varios veciños e veciñas que tamén denunciaron a esta persoa por pinchar os seus montes sen consentimento e sen recibir contraprestación económica; así como por unha suposta suplantación de identidade. Este individuo, que representa dúas empresas, ten varios expedientes sancionadores abertos polo Concello por actuacións sen licenza municipal que acadan no seu conxunto os 204.000 euros.

O Concello insta á Fiscalía a que se actúe xudicialmente contra este madeireiro por atentar contra o medio ambiente, estragar camiños e apropiarse de bens alleos. O Plan xeral e a Ordenanza de talas do Concello de Oleiros determinan a obrigatoriedade de obter a correspondente licenza municipal para poder iniciar unha tala en Oleiros, independentemente da licenza da Xunta de Galicia. Ademais é necesario cumprir coas condicións establecidas polo Concello en relación a aspectos tales como a reforestación, o coidado dos camiños ou a presentación de avais para cubrir posibles danos.

Para evitar multas, os veciños e veciñas deben asegurarse de que os madeireiros aos que lles venden a madeira dispoñan da licenza municipal e actúen conforme á ordenanza. No caso de talas en montes privados sen ningún tipo de acordo previo coas persoas propietarias, débense denunciar os feitos na Garda Civil e poñelo en coñecemento do Concello.

back link