Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros celebra as Letras durante o mes de maio

Oleiros, 26 de abril de 2013-  Esta fin de semana comezan as actividades dedicadas ás Letras Galegas, pero ao longo de todo o mes de maio van ser moitas as actividades que se van realizar para homenaxear estas datas. Ademais desta obra de teatro que terá lugar mañá no auditorio de Mera ás 20.30 horas, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística organizou outra representación de Vidal Bolaño para o día 11 de maio, Anxeliños, da compañía Espello Cóncavo.

Así mesmo, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello organizou dúas obras para os centros de ensino, A folla máis alta, de Berrobambán e Malas palabras, de Katarsis. Berrobambán actuará o 14 de maio para os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria dos centros de ensino do Concello; así mesmo, o 21 de maio, Katarsis representará a súa obra para 5º e 6º de primaria.

O día 15 de maio, tamén se vai facer unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño na rúa dedicada a el neste Concello, situada en Perillo, nas inmediacións do CEIP Valle Inclán, onde coa colaboración do centro, farase un acto para lembralo e dálo a coñecer entre o alumnado máis novo. Por outra banda, continuará a representación de teatro-foro A saúde da lingua, de Manicómicos, nos institutos do Concello o 6 e o 27 de maio no IES María Casares, xa que no IES Neira Vilas xa se representou o pasado 15 de abril.

O 13 de maio, os institutos María Casares e Neira Vilas tamén van participar no Correlingua da Coruña, para os que lle facilitamos o transporte para que participen nunha actividade que reúne a alumnos e alumnas de toda Galicia.

Durante o mes de maio son moitas as actividades que se desenvolven no Concello, o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais tamén organizou unha programación tanto para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño como para promover a animación á lectura. Entre os dous departamentos, o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais e o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co IES Miraflores organizaron o Roteiro cultural e literario, dedicado a Francisco Miguel e Syra Alonso, Marcial del Adalid e Fanny Garrido e a Francisca Herrera, que terá lugar o día 3 e o 10 de maio.

Dentro da programación das bibliotecas destacan a conferencia sobre Roberto Vidal Bolaño para os institutos do concello; o obradoiro de teatro de Roberto Vidal Bolaño, con Rubén Ruibal; dous contacontos teatralizados de Trinke Trinke “Que traballo dan os pequenos” e “Un nacemento especial”; un obradoiro infantil de poesía con Yolanda Castaño; obradoiros de ilustración con Marina Seoane; un encontro con Marcos Calveiro para falar da súa obra O pintor do sombreiro de malvas; obradoiros de banda deseñada con Manuel Cranio; contacontos con Paula Carballeira e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, con Soledad Felloza.

Todas estas actividades engádense ás actividades anuais da biblioteca e ás dos distintos departamentos, xa que as letras galegas vívense durante todo o ano no Concello, pero estas datas son boas para lembrar ás persoas homenaxeadas e o uso da lingua.
 

back link