Oleiros, 4 de marzo de 2013-. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Oleiros organiza un completo programa de actos para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebra o próximo oito de marzo. Os actos inclúen interesantes actividades culturais e de ocio. Deste xeito, desde o próximo día 8 e ata o 25 de marzo poderase visitar no complexo cultural A Fábrica a exposición Mulleres, unha mostra elaborada polo IES María Casares coa colaboración do Concello de Oleiros no ano 2000. Esta exposición estuda detidamente a figura da muller nas diferentes artes ao longo da historia. Nela podemos ver figuras da literatura galega como Rosalía de Castro ou da arte internacional como Frida Kahlo.
Así mesmo, o 7 de marzo ás 20:00 horas, na Fábrica emitirase a película A condesa rebelde: Emilia Pardo Bazán. O filme trata a vida da intelectual galega e indaga nos seus escándalos vitais e na súa faceta como catedrática, xornalista e ideóloga do feminismo. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Pola súa parte, o venres 8 marzo ás 21:00 horas, tamén no auditorio do centro cultural A Fábrica, terá lugar o concerto do coro Sisters in the House, un coro feminino dirixido por Carmen Rey e Ángeles Dorrio, dúas artistas ben coñecidas no panorama galego e conta nas súas filas con moitas intérpretes solistas en diversas formacións que se unen nesta ocasión para cantar temas soul e funky.
Xa por último, o 9 de marzo de 2013 ás 20:30 horas, tamén na Fábrica de Perillo, emitirase a película Concepción Arenal, a visitadora de cárceres. O filme narra a loita de Concepción Arenal como visitadora de cárceres na España do século XIX e afonda no seu traballo a prol dos dereitos humanos ata lograr cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas condicións de vida. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.