Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros vai de museo: visita á exposición “Tattoo. Arte baixo a pel” no Gaiás

O vindeiro 22 de marzo en horario de mañá, o Concello de Oleiros ten prevista unha visita guiada á exposición Tattoo. Arte baixo a pel no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela.

A exposición Tattoo. Arte baixo a pel  segue a tatuadores e persoas tatuadas a través de épocas e continentes para explorar as confluencias que converteron a tatuaxe nunha forma de expresión artística e nun fenómeno global.

Producida polo musée du quai Branly – Jacques Chirac, a mostra reúne 240 obras históricas e contemporáneas procedentes de 18 países do mundo entre pinturas, debuxos, libros, modelos en silicona tatuados, ferramentas para tatuar, máscaras, fotografías, selos e nove audiovisuais. Está comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture.

A mostra expón unha vintena de modelos de silicona de partes do corpo humano, que supoñen unha nova forma de conservar, estudar e apreciar a arte da tatuaxe. Tras ser exhibida en Francia, Estados Unidos, Rusia, Canadá e Taiwán, chega a Galicia da man da Fundación Cidade da Cultura en colaboración coa Fundación “la Caixa”, convertida nunha das exposicións sobre tatuaxe máis completas e atractivas desenvolvidas ata o momento, unha proposta imprescindible para comprender a pulsión que leva ao ser humano a marcar con tinta o seu corpo.

Inscricións a partir do 12 de marzo ás 10.00 horas na sede electrónica, no ámbito de cultura, ou persoalmente na Fábrica, no departamento de Cultura, de 10.00 a 14.00 horas.

Ofértanse 50 prazas para maiores de idade e menores a partir de 10 anos acompañados/as dunha persoa adulta, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros. No caso de ter máis solicitudes que prazas a adxudicación de prazas realizarase por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o mércores 12 de marzo ás 10.00 horas e o xoves 13 ás 14.00 horas, na sede electrónica, no catálogo de trámites, ámbito de cultura. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.

A inscrición inclúe o desprazamento obrigatorio en autobús e a visita guiada no museo.

back link