O vindeiro sábado 29 de marzo celebrarase unha nova ruta do programa Andares por Galicia: Ruta pola Costa Ártabra; do faro de Meirás á praia de Santa Comba.
As persoas participantes visitarán puntos de interese como o ZEC Costa Ártabra, faro de Punta Frouxeira, ermida de Nosa Señora do Porto (La muerte y la doncella), praias de Meirás, Campelo, Casal e Ponzos; Castro de Pena Lopesa, pena Molexa e a súa lenda, cantís da costa ártabra , praia e ermida de Santa Comba.
Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.
A saída do 29 de marzo contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23,00 euros.
As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do martes 18 de marzo ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.
Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.