Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a nenas e nenos de 2 a 4 anos, a partir de 5 anos, e obradoiros para maiores de 6 anos. As sesións de contacontos e concertos terán lugar ás 18:30 h e os obradoiros ás 17:30 h. Desde o 7 de febreiro e ata mediados de maio, nas sete bibliotecas municipais levaranse a cabo 52 sesións de diferentes actividades infantís, como contacontos, concertos de música, obradoiros, etc., para fomentar a lectura e animar a que as nenas e nenos visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dunha ou varias historias, pero tamén haberá música e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía. Debido a que o aforo é limitado, é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono, achegándose persoalmente ou por internet en oleiros.org/bibliotecas/inscribete.
Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización. Contarase con Compañías como Trémola Teatro, Trinketrinke Teatro, A Xanela do Maxín, Tarabelos Teatro, Eduvía e OQO. Contadoras-es como Charo Pita, Ramiro Neira, Marta Ortiz, Iseo a Moura, Catuxa Cela, Raquel Queizás e Raquel Crespo. Artistas como Pablo Díaz e Paco Nogueiras. Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as crianzas no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que se divirten e pasan momentos agradables cos libros. Poden solicitar información en calquera das sete bibliotecas municipais.
Crianzas de 2 a 4 anos. A partir de 5 anos, e para maiores de 6 anos
De febreiro a maio 2025
Hora do conto e concertos, ás 18:30 h. Obradoiros ás 17:30 h
Biblioteca Central Rialeda (Perillo), Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado (Mera), Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso (Dorneda), Biblioteca Pública Municipal Manuel María (Oleiros), Biblioteca Pública Municipal Ánxel Fole (Nós), Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé)
Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización.
Pode reservarse praza chamando por teléfono, achegándose persoalmente ou por internet en oleiros.org/bibliotecas/inscribete