Pouco sentido ten esta política de vivenda da Xunta de Galicia, a non ser que o que realmente se pretenda sexa realizar un anuncio propagandístico e que os fondos non se repartan. O principal escollo das persoas que queren adquirir unha vivenda protexida está na falta de recursos para afrontar o pagamento da entrada, dado que os bancos non financian máis do 80% do custo dos pisos. Son moitas as persoas que non dispoñen dese 20% restante, que hai que pagar inicialmente, e que quedan totalmente desamparadas ante as políticas da Xunta, a administración con competencias en vivenda xunto co Estado.
“A Xunta debe modificar as súas subvencións á adquisición de vivenda se realmente quere que os cidadáns poidan comprar pisos. Fan falta axudas reais e non publicidade de cara á galería. Son moitas as persoas que non poden participar en iniciativas como a que fixemos nós de promover cooperativas de vivenda dado que non dispoñen dos cartos para o pago inicial do 20% da vivenda”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.