Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros organiza unha ruta familiar por Camariñas

O vindeiro 10 de maio terá lugar a ruta familiar do programa Andares por Galicia, a cultura da natureza: Ruta circular da Insua e Praia de Ariño -Camariñas.
 

O sábado 10 de maio celebrarase unha nova ruta do programa Andares por Galicia: Ruta circular da Insua e Praia de Ariño -Camariñas. As rutas familiares están dirixidas a familias e nas que poderán participar menores quen como mínimo cumpran 6 anos no ano en que se celebra a actividade, sempre acompañados polo pai/nai ou titor legal. 

As persoas participantes visitarán puntos de interese como a ría de Camariñas, avifauna e traballos marisqueiros, praia, piñeiral e área de lecer de Airiño; praias Rego dos Coiros e Ariña Branca, alto da Insua (panorámica da ría e porto pesqueiro), mina de volframio de Amparo, fonte de Agramar, desembocadura do río Lamastredo, Pazo de Paxariñas... para rematar cunha visita cultural ao castelo de Vimianzo. 

Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

A saída do 10 de maio contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas, cun prezo de 23,00 euros para os adultos e 6,00 euros para os menores.

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do martes 29 de abril ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.