Oleiros, 18 de setembro de 2015-. Para unha mellor seguridade dos nenos e nenas do Colexio de Nós e para axilizar o tráfico da zona, a rúa Alexandre Bóveda –desde Manuel Murguía e ata a súa conexión co vial de acceso ao colexio- pasará a ser de sentido único. Entre as 8.30 e as 9:30 e entre as 13:30 e as 14:30 dos días lectivos, os vehículos só poderán circular unicamente en sentido ascedente. Esta modificación viaria non afecta ao acceso ao colexio que seguirá a ser de sentido único, con entrada por Alexandre Bóveda e saída por Salvador Allende.
Os que si se verán afectados, os días lectivos e nos horarios estipulados, serán os veciños da zona de Sarro que empregaban ese tramo da rúa Alexandre Bóveda –desde Manuel Murguía e ata a súa conexión co vial de acceso ao colexio-. A partir de agora, non poderán empregar esa rúa para baixar a Salvador Allende e terán que facelo por As Grobias ou Federico Manciñeira.
En relación co Colexio de Nós, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, tamén lamentou que a Xunta de Galicia entregara o centro escolar con diversas anomalías, graves nalgúns casos. “A Xunta fixo cousas mal, agora mesmo seguen sen estar postas as porterías, o fregadoiro tivo que poñelo e pagalo o Concello,…”, explicou.