Back 8M de 2025. Declaración institucional "Semente de vencer".

Nesta publicación recóllese a declaración institucional do Concello de Oleiros para a conmemoración do 8 de Marzo de 2025, Día Internacional das Mulleres 

[semente de vencer]

As mulleres fomos, somos e seremos clave en todas as grandes loitas colectivas ao longo da historia. Fomos tecedoras de dereitos, construtoras de liberdades e imprescindibles nas transformacións sociais que melloraron a vida de todas as persoas, aínda que tantas veces se nos negara ese recoñecemento.

Estivemos nas primeiras loitas obreiras reclamando xustiza laboral, defendendo a terra e os recursos comúns, liderando os movementos pacifistas e a defensa da democracia, loitando por unha educación igualitaria e polo dereito ao voto. Mulleres anónimas e mulleres coñecidas que abriron camiños e deixaron pegada, a pesar das innumerables trabas impostas polo sistema patriarcal.

Non foi sinxelo. En demasiadas ocasións, as nosas voces foron silenciadas, os nosos logros ocultados e o noso liderado cuestionado. Mais, grazas á forza colectiva e ao noso constante impulso transformador, nunca deixamos de avanzar.

Hoxe, as mulleres seguimos sendo a forza motora do cambio. Estamos nas rúas, nos centros de traballo, nas institucións e nas loitas sociais, feministas, veciñais, ambientais, de acceso a vivenda digna e de dereitos humanos. Porque a loita das mulleres nunca foi unha cuestión secundaria; é a columna vertebral de todos os avances sociais.

Sabemos tamén que a nosa capacidade para crear e soster redes de apoio é unha das nosas maiores fortalezas, permitíndonos non so enfrontar as adversidades, senón tamén construír comunidades máis xustas e solidarias. Porque a loita polos dereitos fundamentais é máis efectiva cando se constrúe na colaboración e o apoio mutuo.

Por iso, este 8 de Marzo queremos celebrar a nosa historia de resistencia e loita, e recoñecer as mulleres do pasado que nos abriron portas, pero tamén as que hoxe continúan abríndoas. Queremos visibilizar ás que loitamos, creamos e construímos sociedade todos os días, desde o activismo, a política, os coidados, a cultura e a investigación.

Porque non somos unha nota ao pé da historia, senón protagonistas dela. Porque cada avance colectivo leva a semente de todas as mulleres que o fixeron posible. E non pararemos. Non retrocederemos. As sementes da revolución fai tempo que xa están espalladas; a mala herba do fascismo non vai xerminar nestas terras. Non o permitiremos.

Así, este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, desde o Concello de Oleiros reafirmamos o noso compromiso en visibilizar e apoiar as loitas das mulleres por condicións de vida dignas, traballos dignos e vivendas dignas. Recoñecemos os obstáculos que persisten, pero tamén a forza colectiva das mulleres para seguir avanzando. O noso apoio é firme. Seguiremos acompañando as loitas sociais e promovendo políticas públicas que garantan condicións de vida dignas. Porque sabemos que só desde o colectivo poderemos construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Porque somos semente de cambio.

Semente de loita.

Somos, semente de vencer.