Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala. Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.
Do manifesto SAÚDE E TERRA! de Marga do Val para a AELG.
O 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, data do seu nacemento. Rosalía de Castro é un símbolo para o pobo galego, unha das grandes poetas da literatura galega e española do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Un ano máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros xuntámonos á iniciativa que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e celebramos o aniversario do nacemento da autora. A AELG propón á cidadanía desde 2010 que agasalle un libro en galego e unha flor. O lema escollido para este 2025 foi #SaudeeTerra!.
En 2025 Marga do Val foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, (sábado 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, Santiago de Compostela). Podes ler o manifesto nesta ligazón.
Actividades en Bibloleiros para conmemorar este día:
- Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz): as crianzas de 2 a 4 anos poden gozar dunha sesión da Hora do conto adicada a Rosalía o mércores 19 de febreiro ás 18:30 a cargo de Ramiro Neira titulada "Rosalía pequeniña".
- Biblioteca Central Rialeda (Perillo): o xoves 20 de febreiro, ás 18:30, sesión de contacontos para crianzas a partir de 5 anos a cargo de Trémola Teatro titulada "Historias soñadas".
Exposición de libros de Rosalía de Castro.