Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a crianzas de 2 a 4 anos e a partir de 5 anos, e obradoiros para maiores de 6 anos. As sesións de contacontos e concertos terán lugar ás 18:30 h e os obradoiros ás 17:30 h. Desde o 7 de febreiro e ata mediados de maio, nas sete bibliotecas municipais levaranse a cabo 52 sesións de diferentes actividades infantís, como contacontos, concertos de música, obradoiros, etc., para fomentar a lectura e animar a que as nenas e nenos visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dunha ou varias historias, pero tamén haberá música e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía. Debido a que o aforo é limitado, é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono, achegándose persoalmente ou por internet en oleiros.org/bibliotecas/inscribete.
