O mes de marzo é un fervedoiro de celebracións e actividades relacionadas coa conmemoración do Día da Muller (8M) e as bibliotecas municipais de Oleiros teñen preparada unha ampla programación ao respecto.
O 18 de marzo ás 20:30 horas no teatro As Torres de Santa Cruz terá lugar o Recital poético CON NOME DE MULLER a cargo da actriz Chus Álvarez, acompañada ao piano por Ángeles Dorrio. Trátase dunha homenaxe á poesía escrita por mulleres universais, en galego e castelán. Unha escolma de 36 poemas únicos de poetas galegas, españolas e internacionais, recitados con voz falada e cantada, e música en directo.
Ademais os programas de actividades das bibliotecas como A HORA DO CONTO e os CLUBS DE LECTURA, realizarán actividades e xornadas específicas dirixidas a crianzas e adultos onde se promoverá a igualdade entre mulleres e homes desde obras literarias de temática feminista.
Por outra banda, durante todo o mes de marzo e para todo tipo de público, realizaranse mostras bibliográficas sobre a muller en todas as bibliotecas co obxectivo de dar visibilidade á temática feminista e é á igualdade de xénero:
- Biblioteca Central Rialeda, en Perillo: A Biblioteca Violeta de Rialeda presenta “Mulleres e ciencia”.
- Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro, en Santa Cruz a mostra bibliográfica titulada “Mulleres entre viñetas”.
- Biblioteca Pública Municipal Manuel María, en Oleiros: “Mulleres bravas e loitadoras que abriron camiño”.
- Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso, en Dorneda: “Con nome de muller”.
- Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado, en Mera: “Voces femininas: o 8M a través da literatura”.
- Biblioteca Pública Municipal Ánxel Fole, en Nós: “Mulleres empoderadas”.
- Biblioteca Pública Municipal Xograr Mendiño, en Lorbé: “Garantir a igualdade”.