Oleiros, 2 de marzo de 2021-. Carolina Rubirosa ofrece un concerto este sábado no Auditorio da Fábrica ás 19:30 horas. As entradas poñeranse á venda a partir das 18:30 horas, a 2,50 euros.
Carolina Rubirosa é unha das cantantes e compositoras galegas de maior proxección do momento. Autora da canción oficial de promoción do Camiño Inglés de Santiago, ten compartido escenario e traballos discográficos con artistas como Coque Malla, Miguel Ríos ou Andrés Calamaro. Actuou en varias cidades europeas como Moscú, Helsinki, Stuttgart, Liverpool ou Londres. Nos dous últimos anos vén de gañar varios certames musicais, grabou coa Real Filharmonía de Galicia, e as súas composicións soan asiduamente en cadeas de televisión nacional.
Dotada dunha voz repleta de matices, Carolina é unha artista diferente que se desenvolve en varios estilos e idiomas e iso reflíctese no seu ecléctico repertorio: pop/rock con pegadas americanas, electrónica pop, ritmos bossa nova ou íntimas melodías a guitarra e voz... En formato acústico é onde Carolina se sente máis cómoda e onde se poden apreciar todos os matices da súa voz. Acompañada polo recoñecido guitarrista de jazz Rafa Otero, levarán ao público por unha viaxe sonora única, elegante, enérxica composta, na súa meirande parte, por cancións da súa autoría e complementada cunha selección de cancións alleas escollidas con mimo, que, reinterpretadas na voz de Carolina, adquiren unha nova e sorprendente dimensión.
Ante a situación sanitaria, e seguindo as directrices das autoridades, a capacidade da sala estará limitada. Será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.