Dentro deste proxecto, recentemente dúas mestras procedentes de Eslovaquia visitaron o CEIP Luís Seoane e coñeceron in situ como se desenvolve o currículo dentro do sistema educativo. Aproveitaron tamén para participar de xeito activo no desenvolvemento dalgunhas prácticas educativas do centro e puideron comprobar o desenvolvemento do programa de Boas Prácticas.
A directora do CEIP Luís Seoane, Dolores Roldán, manifestou que “poder visitar centros escolares europeos e seguir incidindo na nosa formación como docentes é fundamental para poder mellorar a nosa práctica educativa nun momento de profundos cambios a todos os niveis. A visita das nosas compañeiras eslovacas abre unha porta ao traballo nesta liña constituíndo unha fonte de motivación para continuar fortalecendo o noso ideario pedagóxico. No vindeiro mes de abril, dúas compañeiras visitarán o centro escolar de Eslovaquia. A participación nestes intercambios permite ao noso colexio seguir medrando en lazos internacionais e no intercambio de boas prácticas educativas, enriquecendo tanto ao noso profesorado como ao alumnado”.