A evidencia do estado de emerxencia lingüística que está atravesar a lingua propia dos galegos e galegas faise cada día máis patente: tras a análise de novos informes e datos sobre o uso da lingua galega entre a poboación detéctase que a hexemonía do castelán intensificada nos últimos 15 anos co aumento da exclusión do idioma propio de Galiza da oferta no ensino, no lecer infantil e xuvenil, na administración, xustiza, na televisión e audiovisual ou nas actividades comerciais e económicas; xerou un dos peores resultados de usos da lingua propia dos galegos e galegas.
O Concello de Oleiros, no seu compromiso coa lingua; apoiou, apoia e apoiará calquera iniciativa a prol dunha normalización e incremento nos usos da lingua propia; o galego. Neste sentido, desde a aprobación da Ordenanza de usos do galego na administración local (2004) e a súa declaración como lingua oficial do Concello de Oleiros garántese o seu uso en todos os niveis administrativos así como de atendemento ao público e lingua vehicular de preferencia. Ademais, desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal realízanse múltiples accións e actividades para todos os públicos encamiñadas á normalización dos usos da lingua nos espazos de lecer, na música, nas actividades cotiás, na infancia e xuventude etc.
A imperiosa necesidade de activar o Plan Xeral de Normalización Lingüística como grande acordo nacional pola lingua, sempre que sexa no marco dun proceso amplo, plural, participado e transparente será tamén un dos eixos vertebradores da manifestación xa que é preciso asumir uns puntos mínimos e urxentes para comezar a actuar fronte a emerxencia lingüística extrema, na liña do que sinalaba o PXNLG e o Consello de Europa, mais parece que o obxectivo do goberno de Xunta de Galicia é todo o contrario: deseñar un novo Plan a medida do goberno de Rueda para acabar coa oficialidade formal do galego ata que deixe de existir.
O Concello de Oleiros apoiará a manifestación convocada pola plataforma “Queremos galego!” a prol da nosa lingua, hábil e apta para todos os ámbitos formais e informais como trazo diferenciador e cultural da nosa terra. O galego é lingua vital e o Concello de Oleiros comprométese a protexer e potenciar a lingua propia de Galicia desde todos os ámbitos nos que teña competencia.