Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello de Oleiros ten Plan de Emerxencias Municipais desde o 2006

Imagen O Concello de Oleiros ten Plan de Emerxencias Municipais desde o 2006

Un medio de comunicación publicaba no día de onte unha información falsa facilitada polo Partido Popular de Oleiros. En contra do que se afirmaba, o Concello de Oleiros si ten PEMU (Plan de Mmerxencias Municipais), aprobado por Decreto de Alcaldía no 2006 e homologado pola Comisión Galega de Protección Civil. Oleiros foi un dos primeiros concellos de Galicia que o tivo. Aínda a día de hoxe, a meirande parte de municipios non o teñen.

Por outra parte, a limpeza dos leitos dos ríos é unha competencia da Xunta, a través de Augas de Galicia, non de ningún Concello. Se o PP quere contribuír a evitar inundacións, en lugar de difundir bulos e mentiras, amosando unha vez máis a súa falta de coñecemento sobre Oleiros, debería actuar desde o Goberno autonómico que ostenta e limpar adecuadamente os leitos dos ríos.

O pasado luns 24 de febreiro foi o día de máis precipitacións desde o ano 1931. No caso concreto das inundacións na zona da Lagoa de Mera, a pesar das forte chuvias, foron moito menores ás que se daban antes do 1995, ano no que se acometeu a obra de ampliación do túnel de saída de auga da Lagoa cara a Praia de Santa Ana.

Antes do 1995, cando se producían fortes precipitacións –de menor envergadura que as do pasado luns-, as inundacións era moito máis considerables, ata o punto de que a auga chegaba ata o teito dos garaxes.

É de lamentar que algúns medios de comunicación dean pábulo a informacións falsas por parte dalgúns partidos políticos sen contrastar previamente os datos que aportan.