Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Os médicos de Solidariedade Galega desprazados a Chiapas contan co apoio do Concello de Oleiros

Oleiros, 02 de novembro de 2016-. O Concello de Oleiros coopera co proxecto que a ONG Solidariedade Galega está a desenvolver desde o luns no hospital rural situado en Altamirano, en Chiapas. No pleno do pasado mes de setembro, o Goberno municipal aprobou unha subvención de 8.700 euros para que os médicos que realicen tarefas de atención médica nunha zona na que o 95% da poboación dispón de escasos recursos económicos para acceder a unha atención sanitaria digna.

Debido ao illamento no que se atopa a localidade que alberga este hospital, resulta moi complicado atopar médicos que poidan traballar no centro. É por iso que misións como a do equipo de médicos voluntarios de Solidariedade Galega ten unha elevada importancia. As especialidades que se pretenden cubrir nesta viaxe son as de cirurxía xeral, uroloxía, xinecoloxía, anestesioloxía, medicina interna e pediatría.

O Hospital San Carlos promove a saúde cun enfoque intercultural cálido. Céntrase, principalmente, na atención da poboación indíxena para contribuír ao seu desenvolvemento físico e social. Os elevados índices de mortalidade existentes na rexión supoñen un reto importante para a expedición de médicos galegos que se desprazará no outono.

Solidariedade Galega é unha organización non gobernamental sen ánimo de lucro que presta asistencia sanitaria e social a aquelas persoas desfavorecidas en países en vías de desenvolvemento que non teñen posibilidades de recibir unha asistencia médico-sanitaria especializada. Esta ONG tamén colabora na formación de profesionais no eido da sanidade, da educación e demais campos sociais que afectan ao desenvolvemento das persoas.
 

back link