O Concello resolveu hoxe o Premio Literario Descubrindo Oleiros no que participaron 205 persoas.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organizou o XI Premio Literario Descubrindo Oleiros, unha proposta que busca poñer en común promover a lingua e dar a coñecer o municipio.
Este premio está orientado a todos os rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e de ESO, mozos e mozas de 16 e 17 anos e persoas adultas empadroados/as no Concello de Oleiros, establecéndose seis categorías, atendendo á idade das persoas participantes. Os relatos tiñan que estar ambientados en Oleiros e escritos en lingua galega.
Unha vez recibidos e lidos os 205 relatos participantes o xurado composto pola concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Educación e Xuventude, María José Santos Zas, pola técnica de normalización lingüística, Lucía Filloy López e pola graduada en Galego-Portugués Estudos Lingüísticos e Literarios, Sara López Gómez, decidiron, atendendo á corrección lingüística, á calidade textual e á orixinalidade conceder os premios ás seguintes persoas, segundo as categorías ás que pertencen.
Na primeira categoría, na que participaron 63 nenos e nenas, resultou gañador Pedro Vilela Quintela, de 4º de primaria do CEIP A Rabadeira, polo texto A bruxa Maruxa.
Na segunda categoría, presentaron os seus relatos 78 alumnos e alumnas, e o xurado decidiu que fose a gañadora Lúa Salgado Diéguez, de 6º de primaria do CEIP Luis Seoane, quen presentou o conto O baúl dos recordos.
Na terceira categoría, presentáronse 14 textos e resultou gañadora Alba Caridad Castro, de 2º de ESO do IES Neira Vilas, polo relato O supervivente do 73, e concedeuse un accésit, a Marta Fernández Villar, polo texto A sombra da néboa.
Na cuarta categoría, presentaron os seus textos 44 persoas e resultou premiada Tania Taboada Ríos, polo texto A derradeira folla, de 3º de ESO do IES María Casares.
A quinta categoría quedou deserta.
E na sexta categoría, de persoas adultas, presentáronse 6 textos e gañou Patricia Díaz González, polo texto O paxariño de barro, e concedeuse un accésit polo texto Ti ben sabes, de Francisco Ascón Belver.
A entrega de premios realizarase no mes de maio nas Torres de Santa Cruz. O premio é un vale de 200 euros para cada persoa gañadora, para comprar libros en calquera das librerías de Oleiros.
Foi moi importante o labor dos centros de ensino na difusión e participación da rapazada, pois a maioría dos textos presentáronse a través dos colexios e institutos de Oleiros, polo que desde o Concello agradécese a colaboración dos centros e a participación de todas e todos e anima a seguir escribindo.