O muralismo no Concello de Oleiros
Dende o ano 2017, o Concello de Oleiros vén desenvolvendo actuacións no marco do embelecemento urbano de xeito continuado, que se centran na execución de murais en espazos públicos. Xa dende o ano 2012 se viñan realizando este tipo de actuacións, pero é a partires de 2017 cando se reforza a aposta municipal por este tipo de arte.
O obxectivo principal destas actuacións é embelecer e revitalizar os espazos urbanos, así como fomentar a participación e o diálogo entre os artistas e a comunidade local. Os murais tratan temas relevantes para a cidade, como é a súa historia, a cultura, as paisaxes representativas do noso Concello, o medio ambiente…
O programa de embelecemento urbano, encadrado no Expresa Oleiros Urban Fest, é unha celebración da creatividade, a diversidade cultural e o poder da arte para transformar e enriquecer a contorna urbana. Co paso das edicións, OIeiros estase a converter nun verdadeiro museo ao aire libre, onde os murais se converten en parte integral da identidade e o paisaxe urbano, deixando un legado duradeiro de beleza e expresión artística.
Creando un roteiro de murais
Co obxecto de que as persoas que nos visitan poidan explorar e descubrir a selección de murais artísticos que se atopan no noso Concello deséñase esta guía, pretendendo ofrecer unha experiencia inmersiva e única no mundo do arte urbana. Cada un dos murais realizados é único e especial, cun estilo e temática diferentes, que enchen as nosas rúas de cor, imaxe e historias. O feito de que se atopen dispersos ao longo da xeografía oleirense permite tamén coñecer recunchos deste Concello que agochan verdadeiras xoias naturais, non coñecidas polo público xeral.