A senda do Rego de San Pedro


A senda fluvial corre paralela ao Rego de San Pedro, uns metros ao sur da Avenida das Mariñas ou N6, a vía que vertebra varias urbanizacións e polígonos comerciais. 

O itinerario está dotado de 5 parkings, por se as persoas queren deixar o seu coche e facer algún segmento a pe. Están situados na súa confluencia coas rúas da Veiga (ao inicio desde Nós), Traballo, Anido, Estío e Bergantiños, esta última xa no polígono de Iñás, preto do Gadis. Tamén fai confluencia coas rúas Manuel Murguía, O Valiño, Espoz y Mina, Miranda e a rúa da Vila, en O Caño (Iñás).

Todo este sistema de rúas cruzadas comunican o interior das parroquias de Nós e Iñás coa N6, polo que o itinerario ciclopeonil resulta moi versátil. En total, está dotada de 99 prazas de aparcamento de turismos, 8 de autocaravanas e 4 para autobuses.

A senda é toda de nova construción, menos un pequeno treito entre as rúas O Valiño e Manuel Murguía, que utiliza unha das tranquilas rúas desta urbanización para atravesar ese segmento. Está dotada de numerosas pontes de madeira que salvan tanto os desniveis do terreo como as zonas inundables do río, para que a senda sexa practicable durante todo o ano, por moi húmida que sexa a tempada.

A iniciativa, que levou a cabo o concello en solitario, costou 3,5 millóns de euros e para construíla foi necesario expropiar 65 fincas que sumaron un total de case 40.000 metros cadrados.