A singularidade da intervención, que abrangue un treito de case 1 km en toda a fachada litoral, deseñouse en plataforma única para favorecer a accesibilidade universal e un uso máis agradable do espazo litoral.

A decisión de utilizar este material foi unha homenaxe á antiga telleira de Mera, da que tamén se conservan outros tres importantes vestixios: a cheminea do forno, a Casa Labarta, que era o edificio administrativo, e a lagoa, formada pola extracción da arxila durante décadas.

A telleira é, por tanto un dos símbolos deste núcleo turístico do norte do municipio, ao que se lle quixo dotar dunha forte personalidade con este pavimento de ladrillo.

Este pavimento duro corresponde á zona interior do paseo, que se completa cunha vía de madeira sobre a praia, necesaria para aumentar a superficie peonil e permitir unha mobilidade de maior calidade.

Este treito do paseo ten continuidade con outros segmentos que facilitan a mobilidade peonil no litoral, tanto cara á praia de Espiñeiro, ao norte, como ata o bosque de Canide, ao sur, atravesando Santa Ana e o Balcón de Maianca.