Visita guiada á exposición Luis Seoane Identidade, memoria histórica e movementos sociais na Fundación Luis Seoane na cidade da Coruña.
O 14 de febreiro ás 18.00 horas o Concello de Oleiros ten prevista unha visita guiada á exposición Luis Seoane Identidade, memoria histórica e movementos sociais na Fundación Luis Seoane na cidade da Coruña.
Tras tres anos ausente por mor dos traballos de acondicionamento levados a cabo na súa Fundación, a obra de Luis Seoane protagoniza unha exposición que saca á luz destacadas pezas pertencentes ao legado da institución. Luis Seoane. Identidade, memoria histórica e movementos sociais sitúa estas obras dentro de tres grandes bloques temáticos que poñen de manifiesto diferentes aspectos do pensamento do artista galego, no que conviviron os postulados das vangardas europeas, a reivindicación da historia, tradicións e identidade galegas, a arte e a cultura americanos, o compromiso político e a incorporación de Galicia aos principios da modernidade.
Comisariada por Silvia Longueira e María Antonia Pérez, a exposición distribúe una serie de óleos, gravados, debuxos, produción editorial e outros soportes en dúas salas segundo os tres apartados aos que fai referencia o título: Identidade, Memoria Histórica e Movementos Sociais
Inscricións a partir do 4 de febreiro ás 10.00 horas na sede electrónica, no ámbito de cultura, ou persoalmente na Fábrica, no departamento de Cultura, de 10.00 a 14.00 horas.
Ofértanse 30 prazas para maiores de idade e ocuparanse por rigorosa orde de solicitude, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
A inscrición inclúe o desprazamento obrigatorio en autobús e a visita guiada no museo.