As grandes vías
Hai que lembrar que nos anos 90 había quen quería convertela nunha vía de 4 carrís e construír unha ponte entre Oza e Bastiagueiro, embrutecendo a paisaxe e facilitando unha maior invasión de coches.
A construción da Vía Ártabra no eixo norte-sur con conexións desde Lorbé, Mera, Arillo e Santa Cruz, supuxo unha circunvalación pensada para evitar os desprazamentos de paso no litoral, levándoos cara ao interior e conectándoos coa avenida das Mariñas (N6) e a Autoestrada do Atlántico (AP9), esta última aínda pendente de rematar, coas obras paralizadas pola Xunta de Galicia.
Outra vía de primeira magnitude é a Avenida das Mariñas (N6), que atravesa o sur do concello de leste a oeste e que supón un continuo urbano e un eixo empresarial, onde se concentra a actividade económica máis importante do municipio. Os enlaces de Santa Cristina, Agramar, O Seixal, Mesón da Auga e Iñás melloraron significativamente a súa integración urbana.
Esa visión política de desafogar as vías máis urbanas minorando a densidade de coches para aumentar a calidade residencial foi unha constante nas últimas décadas.