Este paseo, que nace na praia de Santa Cristina e remata no interior da ría, supón a conexión de dous itinerarios: un co paseo que percorre toda a ría da Coruña, e outro o que, a través de diversas rúas do Graxal e O Seixal, conecta co eixo ciclopeonil do Rego de San Pedro, que corre paralelo á avenida das Mariñas ou N6, entre O Seixal e Iñás.

Santa Cristina supón o inicio dunha ruta peonil exclusiva para a mobilidade sen motor, circundando o Parque José Martí, a Torre Bescansa, o centro cultural A Fábrica, a ponte da Pasaxe ata alcanzar o parque de Agramar, que se prolonga ata Beiramar e O Paraíso. 

A rota interrómpese debido a un treito incompleto que deixou Costas do Estado sen facer, se ben tanto as persoas que camiñan como as que utilizan a bici poden acadar o novo treito en boas condicións construído grazas aos recheos realizados cando dragaron a ría. 

Tras ese treito, a vía volve interromperse e resulta imprescindible subir ata o parque do Paraíso, algo separado da ría. Desde esa zona xa pode conectarse co Graxal, no concello de Cambre. Desde ese punto, e tras salvar o núcleo viario do Paraugas para alcanzar a antiga ponte medieval ou utilizar a beirarrúa da nova, o itinerario continúa polo concello de Culleredo, xa fronte a Oleiros.

Outra opción consiste en cruzar a costa da Tapia e circular polas rúas do Graxal ata O Seixal, de novo en Oleiros, onde nace o itinerario ciclo peonil do Rego de San Pedro.