Policía Local

Unha estrutura profesional e comprometida co benestar

O cadro de persoal da Policía Local de Oleiros está formado por 37 efectivos, distribuídos do seguinte xeito: un inspector xefe, tres oficiais e 33 axentes. Ademais contamos co aopio de dous auxiliares administrativos para a xestión das tarefas burocráticas.

En verán, cando aumenta a poboación, sumamos outros catro auxiliares de policía de forma temporal. Estes colaboran especialmente no control e vixilancia do tráfico e na seguridade das zonas máis concorridas, como as praias.

 

Un servizo 24/7

Os 33 axentes estan organizados en quendas rotatorias de mañá, tarde e noite, garantindo un servizo ininterrompido 24 horas o día, 7 días por semana 365 días ao ano.

 

Funcións clave

O noso traballo abarca diversas funcións clave para garantir a seguridade e o benestar da comunidade. As principais áreas de actuación son:

  1. Seguridade cidadá
  • Mantemos unha presenza diaria e activa en todo o territorio municipal para prever e perseguir delitos
  • Colaboramos coa autoridade xudicial cando somos requiridos
  • Intervimos en conflitos particulares cando nos solicitan
  • Deseñamos operativos especiais de seguridade en eventos con gran afluencia de público, reforzando o cadro con persoal adicional
  • Tres axentes especializadas ocúpanse do seguimento e atención a vítimas de violencia de xénero, garantindo o seu apoio e protección
  1. Control do cumprimento das ordenanzas
  • Supervisamos o cumprimento de normativas municipais relacionadas co urbanismo, as praias, a limpeza e o medioambiente intentando contribuír a manter un entorno ordenado e sostible
  1. Tráfico e seguridade viaria
  • Regulamos o tráfico e propoñemos melloras na sinalización
  • Investigamos accidentes de circulación e elaboramos os correspondentes atestados e informes
  • Organizamos controis preventivos de alcohol e drogas, uso do cinto de seguridade, estado do vehículo, etc.
  • Desenvolvemos campañas de concienciación para promover unha mobilidade segura e unha vida en harmonía

A supervisón das áreas está ao cargo do inspector xefe e dos oficiais, que tamén xestionan os recursos materiais do corpo (vehículos, equipos, comunicacións, vestiario e outros).

 

COMPROMISO COA VECIÑANZA

A Policía Local de Oleiros desempeña un papel especial na seguridade e o funcionamento diario do municipio. O noso labor non só se centra en garantir o cumprimento das normativas e a prevención de incidentes, se non tamén en adaptarmos ás necesidades cambiantes da comunidade. Cunha estrutura organizativa clara e eficiente, traballamos para manter un entorno seguro e funcional, intentando sempre reforzar a confianza dos cidadáns nos nosos servizos, sempre a pé de rúa.

 

Todas as chamadas telefónicas que os cidadans fagan ao número de teléfono da Policía Local serán gravadas e os seus datos incorporados ao ficheiro denominado "Gravación de chamadas da Policía Local", coa finalidade de mellorar o servizo que presta este corpo, outorgando un medio de proba ou instrumentos de cara á tarefa policial tanto aos usuarios coma ao prestador do servizo (Resolución da Alcaldía nº 1745/2011 de 2 de Maio, BOP de 12/05/2011).

O responsable do tratamento é o Concello de Oleiros, que os tratará coa finalidade de gravar imaxes en supostos de intervención en situacións de perigo e/ou comisión de actos delituosos. A base lexitimadora das devanditas finalidades é o artigo 6.1 e) do Regulamento Xeral de Protección de Datos: o tratamento é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, en base á Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local e a Lei Orgánica 4/1997, do 4 de agosto, pola que se regula a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en espazos públicos. Os datos non serán comunicados a terceiros, salvo a súa posta a disposición de forzas e corpos de seguridade do estado, tribunais de xustiza ou o ministerio fiscal. As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos a través da sede electrónica, presencialmente no Concello ou en dpd@oleiros.org. Pode obter máis información en dpd@oleiros.org.

As dependencias da Policía Local do Concello de Oleiros atópanse no baixo do n.º 10 da avda. Francisca Herrera, na parroquia de Oleiros. Os números de contacto a disposición permanente dos veciños son: 981 610 001 e 981 648 103.